O DOMINGO 9 DE OUTUBRO CONCERTO DA “MISA DE RÉQUIEM EN RE MENOR. K628” DE W.A. MOZART POLA ORQUESTRA GAOS


O DOMINGO 9 DE OUTUBRO CONCERTO COA “MISA DE RÉQUIEM EN RE MENOR. K628” DE W.A. MOZART  POLA ORQUESTRA GAOS
No ciclo de “Música nas catedrais galegas” ás 19,30 h. na Catedral de Tui

Santiago 5 de outubro.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá na Catedral de Santiago o ‘Ciclo de concertos nas catedrais galegas’, que se desenvolverá do 8 ao 16 de outubro enmarcado na conmemoración do Ano da Música de Galicia 2011. Neste ciclo, a Orquestra e o Coro Gaos interpretarán a ‘Misa de Réquiem en re menor’, de Wolfgang Amadeus Mozart, nas catedrais de Ourense, Tui, Santiago e Mondoñedo e na igrexa de San Pedro en Lugo. Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, esta iniciativa "abre unha fiestra para a proxección dos novos valores da música de Galicia, e contribúe á posta en valor do noso patrimonio". O acto de presentación, celebrado na cripta da basílica compostelá, contou coa participación do deán da Catedral, José María Díaz; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero; o director da Orquestra Gaos, Fernando Briones; e o barítono Borja Quiza.
Na súa intervención, Roberto Varela sinalou que este ciclo de concertos permitirá "gozar dun elenco galego interpretando unha das pezas esenciais da historia da música en cinco dos espazos máis importantes do noso patrimonio eclesiástico". Deste xeito, o proxecto promovido pola Xunta de Galicia, desde a Axencia Galega das Industrias Culturais, pretende "achegar a música clásica ao público de toda Galicia, a través de concertos de entrada gratuíta nas catro provincias". Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, "resulta difícil imaxinar un escenario máis suxestivo e acaído para interpretar este cumio da música sacra que as catedrais de Galicia".
Neste sentido, Varela cualificou a "Misa de Réquiem en re menor" de Wolfgang Amadeus Mozart como "unha obra maiúscula, dunha beleza serena e, ao tempo, chea de forza e emotividade". "Unha peza que se ten convertido nunha referencia inescusable da música sacra", engadiu. Respecto aos "encargados de dar vida á partitura de Mozart", o conselleiro referiuse á Orquestra Gaos como "unha das formacións musicais máis novas, activas e con maior proxección da nosa Comunidade".
O "Ciclo de Catedrais" comezará este mesmo sábado na Catedral de Ourense, ás 21,00 horas, e continuará na Catedral de Tui (9 de outubro, ás 19,30 horas); na Igrexa de San Pedro de Lugo (14 de outubro, ás 21,00 horas); na Catedral de Santiago (15 de outubro ás 21,30 horas); e na Catedral de Mondoñedo (16 de outubro ás 19,30 horas). En todas as actuacións, a Orquestra e o Coro Gaos interpretarán a "Misa de Réquiem en re menor" de Wolfgang Amadeus Mozart. Os recitais de Ourense e Santiago completaranse coa interpretación do "Concerto para clarinete e orquestra en la maior", tamén do xenio de Salzburgo. A Orquestra e o Coro Gaos contarán neste ciclo coa colaboración dos cantantes Carmen Subrido, Nuria Lorenzo, Borja Quiza e Francisco Corujo. No "Concerto para clarinete e orquestra en la maior" actuará ademais o clarinetista Antonio Suárez.

Elenco galego
A Orquestra Gaos nace en abril de 2009 formada por músicos de toda Galicia, na súa meirande parte estudantes e profesores dos principais conservatorios galegos, e a súa presentación tivo lugar o 14 de xullo de 2009 no Teatro Colón da Coruña baixo a dirección de Fernando Briones, director titular da formación. En apenas dous anos, colaboraron coa orquestra 227 músicos galegos en 19 programas diferentes, a través de 30 concertos nos principais auditorios de Galicia. Participaron como solistas 11 músicos galegos cunha gran traxectoria artística, e posuidores dunha dilatada carreira como o caso do barítono Borja Quiza, o clarinetista Antonio Suárez, solista da Gustav Mahler Jugendorchester ou a violista Inés Picado. Así mesmo, tamén tivo a oportunidade de acompañar aos gañadores do Concurso Internacional de piano "Cidade de Ferrol" Alexander Yakovlev e Daniil Tsvetkoven nas súas edicións 2009 e 2010 respectivamente.

Grazas á participación da orquestra na presentación do Xacobeo 2010, a formación comparte escenario coa soprano chilena Cristina Gallardo-Domâs, coa que realiza a súa primeira gravación discográfica: un cd con 14 temas galegos orquestrados por Juan Durán. A Orquesta Gaos ten a súa propia tempada de concertos no Teatro Colón da Coruña e xa está inmersa na súa terceira tempada na que participarán o pianista Gabriel López, o violinista Javier Cedrón ou o frautista André Cebrián. Ademáis, estreará obras de cinco compositores galegos e, en decembro, realizará unha gala lírica coa soprano Ainhoa Arteta.

O Coro Gaos nace en setembro de 2010 como continuación do proxecto da Orquesta Gaos. Está constituído por 50 voces e todos eles teñen unha ampla experiencia en diferentes coros da comunidade. Reciben formación vocal mediante clases de técnica con profesoras da categoría de Mª Carmen Subrido ou Manuela Soto, así como mediante a organización de cursos de canto con importantes figuras da lírica.



Misa de Réquiem
en re menor, K626
W. A. Mozart

Orquesta e Coro Gaos
Fernando L. Briones, director
Carmen Subrido, soprano
Nuria Lorenzo, mezzosoprano
Francisco Corujo,tenor
Borja Quiza, barítono

I. INTROITUS
Requiem
II. KYRIE
III. SEQUENZ
nº 1 Dies irae
nº 2 Tuba mirum
nº 3 Rex tremendae
nº 4 Recordare
nº 5 Confutatis
nº 6 Lacrimosa
IV. OFFERTORIUM
nº 1 Domine Jesu
nº 2 Hostias
V. SACNTUS
VI. BENEDICTUS
VII. AGNUS DEI
VIII. COMMUNIO


Ver o programa completo en:

Comentarios

Entradas populares de este blog

CONCIERTO EN LA CATEDRAL DE TUI DEL “IMPERIAL COLLEGE CHAMBER CHOIR” EL PRÓXIMO MARTES 26 DE SEPTIEMBRE

Pieza del mes de noviembre 2011: Virgen de la Expectación

Eduardo Cadenas y Dolores Balseiro distinguidos con la orden pontificia de San Gregorio Magno

Pregón da Semana Santa de Tui do ano 2024 polo profesor Xosé María Lores Pérez

Altar de la Expectación